Sunday 07 de July de 2024

O BNG de Oleiros levará ao pleno de xuño a necesariedade de que as duchas de determinados areais funcionen todo o ano e que o servizo de socorrismo, duchas e cobro por estacionamento coincidan no tempo


Ademais levaremos ao pleno de xuño o futuro do campo do Xabrón de Mera, o necesario fomento da bicicleta de acordo co PMUS e a solución dos problemas de aparcamento en determinados eventos e competicións deportivas

As praias oleirenses son utilizadas durante todo o ano pola cidadanía, destaca entre todas o areal de Bastiagueiro a onde acoden deportistas de toda a comarca a practicar surf e demais deportes acuáticos, fútbol praia, etc. A auga nunca sobra e sempre cómpre utilizala con sentido común, porén na actualidade non existe ningunha restrición e pode ser utilizada con normalidade. Porén as duchas dos areais do Concello non traballan, sendo indispensábeis após a práctica deportiva e demais usos.
Pois ben, o servizo de socorrismo préstase do 15 de xuño ao 15 de setembro, a apertura das duchas non nos consta cando se fai efectiva, mais xa na primeira semana do mes estaban abertas. O que si sabemos é que a ORA comezou a cobrarse o día 1 de xuño, día no que non existe nin socorrismo nin auga nas duchas. Pediremos que o servizo de duchas traballe todo o ano conforme o arriba exposto e cando menos que servizo de socorrismo, duchas e cobro por estacionamento coincidan no tempo.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:

Destino futuro do campo de fútbol do Xabrón de Mera

Recentemente o campo de fútbol do Xabrón, onde xogaba os seus partidos o Mariño de Mera, substituído polo novo campo municipal A Marola en Dexo, foi utilizado para aparcadoiro público co gallo duns concertos na TVG en Mera. Descoñecemos as conversas ou encontros de cara ao futuro destas instalacións, mais no BNG gostaríamos que no futuro desas históricas instalacións merachas haxa algunha referencia a ese campo mítico instalado na memoria colectiva da cidadanía.

Preguntaremos ao Concello a que ten pensado adicar o devandito campo de fútbol do Xabrón e se houbo algún contacto coa cidadanía de cara considerar posíbeis usos.
Necesaria posta en marcha de medidas globais de fomento do transporte en bicicleta de acordo co PMUS
Dentro das medidas que propón o PMUS atópanse unhas que, ao noso entender, pagaría a pena poñer en marcha: as referidas ao transporte en bicicleta.

Queremos poñer o acento no uso da bicicleta non só como recurso de lecer ou deportivo, senón como medio de transporte habitual e cotiá par ir ao traballo, aos centros académicos, realizar xes-tións e compras, etc; tanto no interior do propio concello. O PMUS, no seu capítulo 5, establece unha delimitación de propostas e obxectivos específicos e comeza por toda unha serie de medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados.
Son 4 as referidas ao transporte en bicicleta:

Rede de aparcadoiros de bicicletas. Sistema público de alugueiro de bicicletas. Sinalización de itinerarios peonís e ciclistas. Criterios de deseño de rúas, itinerarios peonís e ciclistas. Pediremos ao Concello proceda a aplicar estas medidas.
O BNG pedirá ao Concello que solucione problemas de aparcamento en momentos de celebración de eventos e competicións deportivas

O pasado día 8 de xuño tivo lugar no campo de fútbol dos Regos un torneo de fútbol alevín (cativada de 11-12 anos) organizado polo colexio Cristo Rei. Existen queixas de propietarios de vehículos multados que denuncian presunta arbitariedade nas devanditas multas que só recaeron en 5 coches situados na Avenida Isaac Díaz Pardo, cando había moitos máis vehículos incorrectamente estacionados que non recibiron ningunha proposta de sanción (todo elo segundo estas fontes). Afirman os devanditos afectados polas multas, que solicitaron dialogar con responsábeis do Concello coa finalidade de aclararen as circunstancias e queixárense do que consideran unha actitude incorrecta e arbitraria. Informan ademais de que pola megafonía do campo municipal non se informou en ningún intre de que se procedera a retirar os vehículos mal estacionados ou serían sancionados.

Dende o BNG, solicitamos ao goberno local que aclare cos afectados á situación e que artellen medidas, dada a precariedade de prazas para aparcar nesta ou noutra zona, cando se autorice en instalacións municipais eventos con afluencia de moita xente, habilitando prazas de aparcamento eventuais, informando a través da organización de todas as problemáticas de orde pública. Achamos que a información previa, reiterada no propio lugar do evento a través da megafonía ou calquera outro medio, resulta moito máis práctica que a sanción. Moito máis en casos de eventos de nenos e nenas que se desprezan dende diferentes lugares da comarca.

Deja un comentario